26 abr 2018

MONTE SANTA TREGA


A Comunidade de Montes de Camposancos, xunto coa de A Guarda, acordan co Concello de A Guarda a creación de dous parques forestais.


O convenio lévase a cabo ao abeiro das subvencións da Deputación de Pontevedra para a mellora dos montes mediante a creación de parques forestais.

O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, recibiu o pasado martes ao presidente da Comunidade de Montes Veciñal en Man Común (CMVMC) da Guarda, Manuel Castro, e ao presidente da CMVMC de Camposancos, José Fernando Martínez, para asinar senllos convenios de colaboración para a creación de dous parques forestais no Monte Santa Trega.

O acordo responde a unha iniciativa da Deputación de Pontevedra orientada a emprender accións que promovan a mellora e posta en valor dos montes da provincia, con dúas liñas de axuda destinadas aos concellos para a creación de parques forestais. O Concello da Guarda, a través do Padroado Municipal do Monte Santa Trega, aportará 3.000€ a cada un dos proxectos das Comunidades de Montes, namentres a institución provincial achegará ata un máximo do 70% do seu custo.

O proxecto para a creación dun parque forestal na Comunidade de Montes de Camposancos ten un orzamento total aproximado de 24.250€, namentres o investimento na actuación CMVMC da Guarda estimase en 37.200€.



No hay comentarios: